Código 100 seleccionado nos 2020 Procura + Awards

Código 100 seleccionado nos 2020 Procura + Awards

O Plan de Innovación Sanitaria Código 100 postulouse aos 2020 PROCURA AWARDS e foi seleccionado para a lista de nomeados na categoría para a Adquisición de Innovación Premio Procura 2020.

O pasado 30 de abril pechábase a convocatoria para os 2020 PROCURA AWARDS, uns premios que buscan destacar as adquisicións sustentables e de innovación, xunto cos procedementos de licitación, e dan visibilidade ás autoridades públicas máis dinámicas, innovadoras e con visión de futuro.

O proxecto Código 100 postulouse co novo procedemento de contratación pública de "Asociación para a Innovación" que aplicou para o desenvolvemento dunha solución innovadora non existente no mercado que permita ao Servizo Galego de Saúde adquirir a gran escala un dispositivo multicanle para a resección avanzada de tumores rectales mediante endoscopia flexible e cirurxía endoscópica transanal. Esta é unha das quince contraccións nas que se empregou a Compra Pública de Innovación dentro do proxecto Código 100.

Con esta nova adquisición dende o Servizo Galego de Saúde preténdese lograr dous impactos fundamentais;  

  • Un impacto a nivel estratéxico, buscando transformar a organización traccionando a innovación a través das compras públicas e sentar as bases para implementar unha contratación pública eficiente que contribúa á realización de adquisicións estratéxicas, sustentables e de innovación. Neste sentido, o Servizo Galego de Saúde foi pioneiro a nivel nacional no sector saúde no emprego do novo procedemento denominado "Asociación para a innovación", onde resulta necesario realizar actividades de investigación e desenvolvemento respecto de servizos e produtos innovadores, dado que as solucións dispoñibles no mercado non satisfán as necesidades asistenciais actuais, e onde no caso de que o I+D desenvolta alcance os niveis de rendemento e os custos máximos acordados entre o Servizo Galego de Saúde e a empresa adxudicataria, producirase, sen a necesidade de recorrer a unha nova licitación, unha adquisición do volume de unidades acordado no contrato.

  • Un impacto a nivel asistencial, a través da identificación da necesidade de ampliar a aplicabilidade da cirurxía sen cicatrices a través de orificios naturais e cirurxía de incisión única, co obxectivo de poder aplicala tamén en procedementos cirúrxicos complexos, con altas complicacións e elevados tempos de recuperación dos pacientes.

É por iso, que partindo dun preprototipo xa existente con solicitude de patente europea, resultado do traballo de I+D previo realizado pola Unidade de Cirurxía Experimental do CHUAC, contratouse o desenvolvemento dunha solución innovadora para a mellora e evolución da tecnoloxía en estado de preprototipo a un dispositivo que poida ser usado en pacientes.

Na procura destes obxectivos, dende o Servizo Galego de Saúde aproveitouse as posibilidades que ofrece a Lei de Contratos do Sector Público para impulsar a Contratación Pública Estratéxica en Innovación, buscando a eficiencia desde o punto de vista económico e procedemental traballando o deseño de contratos, empregado o mecanismo de consultas ao mercado, facendo públicos os plans de necesidades de contratación e anticipándollos á oferta tecnolóxica e, en definitiva, empregando procedementos de contratación pública que potencian a innovación.

No caso presentado, a Asociación para a Innovación proporciona unha serie de vantaxes:
 - Permite unificar os procedementos de desenvolvemento do I+D+i e a compra posterior do resultado nun único procedemento e, por tanto, axiliza e reduce os prazos administrativos para a fase de adquisición.
 - Posibilita a introdución de solucións innovadoras dunha maneira máis áxil no sistema público de saúde e facilita a incorporación do desenvolvemento tecnolóxico na contorna asistencial real. 
 - 
Brinda ás empresas a oportunidade de comercializar o seu produto/servizo innovador e dispoñer dun primeiro cliente de referencia.

Por todo o comentado, o Servizo Galego de Saúde, quixo poñer en valor esta iniciativa na que se estivo traballando e agradece profundamente o recoñecemento de adquisición innovadora que outorga o nomeamento nos 2020 PROCURA AWARDS.

Clic AQUÍ para acceder á listaxe de adquisicións innovadoras e sustentables dos 2020 PROCURA AWARDS

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde